En galego para siempre

En galego para siempre

No noso concello, do mesmo xeito que no resto de Galiza, emprégase de forma moi maioritaria a lingua castelá en todos os textos e cerimonias que se producen despois do falecemento dunha veciña ou dun veciño. Trátase dunha triste anomalía que nos leva, na maior parte dos casos, a despedir unha persoa nunha lingua que non era a habitual nela.

Dada a enorme tradición que representa a cultura da morte en Galicia, como se demostra ano tras ano na concorrencia de cemiterios o día primeiro de novembro, desenvolvemos co lema En galego para sempre a campaña que ten como fío condutor galeguizar todos aqueles actos e sectores que teñen que ver cos servizos funerarios, xa sexan relixiosos ou laicos, e que realizamos nas vésperas de Santos.

A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coa Concellaría de Cultura e co asesoramento da Asociación de Funcionarios/as pola Normalización Lingüística, organiza desde o ano 2015 accións estruturadas ao redor de tres eixes:

  • Reunións con empresas funerarias, marmoristas e floristas para presentarlles esta campaña de promoción do uso do galego nos actos funerarios e achegarlles propostas que lles permitan usar a nosa lingua nestes actos, como o Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios: En galego para sempre.

Este manual, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística, contén modelos de necrolóxicas e recordatorios para as empresas funerarias; textos e lemas que se poden inserir nas lápidas para que usen as marmorarías; lemas para fitas que usan nas florarías e modelos de textos, poemas e músicas para ler ou interpretar nas cerimonias funerarias.

  • Acto público no que interveñen destacados personaxes da cultura en Moaña e no Morrazo que recitan poemas acaídos para realizar un acto dun pasamento laico. Ao rematar, as persoas que así o desexen poden asinar un documento no que deixan constancia por escrito de que todos os actos que se realicen por mor do seu falecemento se fagan en galego.
  • Descuberta de placas conmemorativas nos cemiterios municipais, nas que se convidan os colectivos e a veciñanza co lema: Na lembranza das persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galiza segue a ter cultura e lingua de seu. O cemiterio de Domaio conta con esta placa desde o ano 2015 e o de Moaña, desde outubro de 2017.

Manual: