Moaña: 21 días en galego

Do 25 de xaneiro ao 14 de febreiro vive as 24 horas na nosa lingua

No Concello de Moaña sabemos que o idioma galego é o noso principal sinal de identidade. Trátase do máis importante legado recibido polas nosas devanceiras e devanceiros e representa a maneira que temos de ver o mundo e de presentarnos ante el como moañesas e moañeses, como pobo galego, en pé de igualdade coas outras linguas e culturas.

Así comeza o bando asinado pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para presentar por terceiro ano a campaña Moaña: 21 días en galego na que o Concello involucra a todos os centros de ensino moañeses para propoñerlle ao alumnado e a toda a comunidade educativa o desafío de expresárense as 24 horas en galego entre o 25 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2020, conscientes de que 21 días son os que precisamos para adquirir un hábito novo, neste caso: adquirir ou mellorar a competencia lingüística de falar en galego.

Na semana previa, cada centro de ensino envioulles ás familias unha carta informativa sobre a campaña buscando a súa implicación. Nela descríbense as vantaxes que supón para o alumnado empregar con fluidez a nosa lingua propia, tanto para a súa formación como para o seu desenvolvemento persoal, recordando tamén os beneficios que supón o vínculo coa lingua portuguesa e a importancia de preservar a nosa cultura e a nosa identidade.

O desenvolvemento da campaña é diferente segundo a idade do alumnado:

  • Nas idades máis temperás (alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de primaria) non se busca o compromiso explícito do alumnado no uso da lingua. Os centros de ensino desenvolverán actividades para todo o grupo como empezar cada día cunha palabra en galego seguindo a orde do abecedario ou aprender cada día unha canción. Todo o alumnado destes niveis levará unha viseira co logo da campaña proporcionada polo Concello de Moaña.
  • Para o alumnado maior (desde 3º de primaria ata bacharelato) a campaña só se desenvolve con aquelas persoas que voluntarimente adquiren o compromiso de manterse en galego as 24h do día durante os 21 días. Estas persoas levarán unha insignia identificativa, e participarán na gravación de vídeos colectivos promovidos polo profesorado, que se farán públicos a través de caranvexo.gal, a TV escolar de Moaña. Quen acade o reto de manter a lingua 21 días levará como premio unha camiseta con deseño de orixe que inaugurará a nova colección SonDeModa promovida pola marca moañesa Afouta e o grupo NAO Galiza, na que se conxuga a moda e a música galega nun mesmo elemento. O deseño non se desvelará ata os últimos días da campaña.

Durante estes 21 días, o Concello de Moaña programa actividades que se desenvolverán nos sete CEIP moañeses:

– Para 5º de primaria: obradoiros de poesía improvisada dan man de dous coñecidos regueifeiros, Luís o Caruncho e Pinto de Herbón. A actividade rematará cun Certame virtual moañés de poesía improvisada no que competirán vídeos de todos os colexios na TV Caranvexo.

– Para 6º de primaria: obradorios O mundo de Inho nos que o monitorado da AGAL (Associaçom Galega da Língua) amosará ao alumnado as diferentes chaves culturais do mundo lusófono, ensinándolles a ler textos escritos en portugués a través do coñecemento do galego

O Concello de Moaña pide tamén a colaboración do pequeno comercio, a hostalería, a banca … para que se sumen á campaña e usen durante os 21 días o galego coa súa clientela para apoiar e animar a que o alumnado supere o reto e mellore a súa competencia na lingua propia.