Normalización Lingüística:
O Goberno de Moaña ten como obxectivo incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos do termo municipal. O galego é a principal marca da nosa identidade, o seu uso enriquécenos, permitindo non só a conexión co mundo lusófono e con outras linguas, senón tamén a conexión con nós mesmos, coa nosa orixe e co noso futuro.
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL), en funcionamento desde 1988, planifica, xestiona, executa e avalía medidas e accións a prol da lingua galega no seu ámbito de actuación, tanto interno como externo.
- No interno, procura a promoción do idioma galego a través da corrección lingüística da documentación escrita, da formación lingüística do persoal, da achega de materiais e recursos para atender a cidadanía en galego, xa que a primeira lingua de traballo e de comunicación é o galego, tal como recolle a Ordenanza de Normalización Lingüística en vigor desde o 27/01/2005.
- No externo, desenvolve campañas específicas de promoción da lingua en diferentes sectores e ámbitos, como o comercio, a hostalaría, o sector funerario, a infancia, a mocidade, o ensino… e colabora con outras entidades, colectivos e organizacións para acadar a normalización plena da lingua galega.