Lugares de interés

Moaña posúe un valioso patrimonio cultural e conta con numerosos lugares de interese pertencentes a diferentes momentos históricos. De entre eles destacan, debido as súas características, os seguintes:

 

 

  • A igrexa de San Martiño 
  • O dolmen e a mámoa da Chan da Arquiña 
  • A igrexa de San Xoán de Tirán 
  • O paseo marítimo
  • A poza da Moura
  • O castro de Montealegre
  • A torre medieval de Meira

 

Igualmente importante é a igrexa de Santa Eulalia de Meira coa súa casa reitoral e o cruceiro do século XVIII. Outros lugares de interese, aínda que non son visitables, son as fosas funerarias do Casal, os petróglifos de Meira e o castro das Cidades (Meira), A Devesa do Mouro (A Seara) e dos Remedios (Tirán).

 

Igrexa de San Xoán de Tirán

Igrexa de San Martiño

Igrexa de estilo románico, posiblemente do século XIII, xa que a súa decoración denota unha época tardía, de transición ao gótico, que queda reflectido nos arcos apuntados da portada.

O máis sorprendente deste monumento é a súa localización, xa que se atopa sobre un acantilado rochoso onde bate o mar. Un lugar de gran beleza con vistas á ría de Vigo, co cemiterio en cuxo adro se atopa a sepultura do ilustre pontevedrés José María Castroviejo.

Esta igrexa forma parte das ambientacións elixidas polo escritor vigués Domingo Villar na súa obra O último barco, onde os personaxes percorren diversas localizacións de Moaña, o que deu lugar á famosa ruta literaria pola costa.

Para acceder á igrexa, basta con tomar a PO-551 en dirección Moaña-Cangas e na zona de Tirán tomar o desvío que baixa á igrexa, aínda que tamén se pode acceder a ela a pé  bordeando o litoral.

Moaña posúe un valioso patrimonio cultural que nos permite descubrir os segredos da súa historia.

A igrexa de San Martiño é un monumento histórico artístico pola seu singular portada románica do século XII, que foi construída grazas á recuperación económica do pobo. No tímpano románico desta obra aparece a figura de San Martiño rodeado doutros santos e unha fermosa portada acompañada dunha sutil ornamentación, esta última, composta por arcos de medio punto e soportada por columnas salomónicas. Son tamén dignas de ver as gárgolas que decoran o interior do templo.

O conxunto arquitectónico, con planta de cruz latina, está rematada por unha torre cadrada á esquerda do templo. Séculos máis tarde, no XVIII empezaron as reformas barrocas da igrexa, desta maneira, fóronse levantando unha nova capela maior, dúas capelas laterais que forman un cruceiro e unha sancristía. E ao redor da igrexa de San Martiño naceu Moaña, que foi evolucionando, superado xa o medo ás invasións dos turcos e anglosaxóns, do monte ata o mar.

Dolmen de Chandarquiña

Paseo marítimo

Situado na área recreativa do mesmo nome, trátase dun monumento funerario megalítico prehistórico con máis de 5.000 anos de antigüidade. Consta de cámara poligonal e corredor de entrada, orientada ao este. Ten 11 pedras verticais na cámara e cinco no corredor. O máis destacable é que se pode observar como vai cuberto de terra e está rodeado por un anel de pedras que é o resto da protección que o cubría. Durante os traballos de escavación foi encontrado nel un enxoval funerario composto por útiles de pedra e fragmentos de cerámica.

Este é un lugar especialmente recomendable, xa que, unha vez alí cun pequeno paseo a pé ou en coche, podemos acceder ao pico Monte Faro de Domaio, o miradoiro máis alto da península do Morrazo (624 m) onde se encontran as mans esculpidas por Yosi Fervenza e o miradoiro dos Candóns, recuperado pola comunidade de montes dende onde podemos divisar a ría case dun extremo ao outro, unha das panorámicas máis fermosas das Rías Baixas.

Trátase dun gran balcón coa ría de Vigo ao fondo que percorre todo o centro urbano de Moaña desde a parroquia de Meira ata O Con na que se encontra unha diversidade de paisaxes mariñas coas peculiaridades das bateas, os barcos amarrados, as mariscadoras que faenan ou a xente que pesca nos peiraos polas noites. O Fisgón, estatua emblemática que preside o paseo marítimo de Moaña creada polo escultor moañés Manuel Varela no ano 2009, inspirase nun ser mitolóxico que representa un mariñeiro coa súa “fisga”. Trátase do aparello que se usa para a pesca e que dá nome a esta arte.

Os xardíns de Concepción Arenal ofrecen un agradable paseo no que se pode ver monumentos como o “Mariñeiro”, a “Lura“ O Bufón”, o “Mariñeiro carrexador” e  a “Balea Anduriña”. Este paseo central de Moaña conta tamén co representativo palco da música, orientado cara á ría.

O paseo marítimo combina zonas de praia e lecer, como a grande explanada da Xunqueira que comprende o tramo máis urbano de Moaña, xunto á praza de abastos onde se celebran as festas e o mercado semanal.

A continuación, a través do paseo do Vaticano, chegamos ao peirao de pasaxe dende onde é posible coller un barco cara a Vigo ou contemplar o novo porto deportivo.

Se seguimos camiñando, podemos observar o peirao da Mosqueira que é un dos portos mexilloeiros máis importantes da ría de Vigo. E para rematar, o espectacular paseo do Con, de deseño vangardista e que acaba na praia do mesmo nome, recentemente galardoada cunha bandeira azul.

 

Poza da Moura

Castro de Montealegre

Moi preto do campo de golf de Domaio e situado nunha contorna de singular beleza, atópase A Poza da Moura, un lugar cheo de encanto que ofrece unha panorámica espectacular da ría de Vigo e a ponte de Rande. A Poza da Moura é un pequeno embalsamento natural das augas procedentes do río Muíños que despois seguen o seu curso formando unha fervenza en dirección a Domaio.

Sendo como é Galicia, terra de innumerables lendas pagás, A Poza da Moura garda tamén a súa. Cóntase que hai moitísimos anos chegou a terras de Domaio un mouro coa súa fermosa filla. A rapariga namorouse perdidamente dun labrego da zona e quedou con el neste lugar. O pai, contrario a esta relación, sorprendeunos na poza e matou ao labrego. A moza tola pola dor mergullouse na poza e desapareceu. Dise que desde entón óense os queixumes da moura procedentes da poza. Na Noite de San Xoán, segundo a lenda, a moura aparécese na poza peiteando a súa longa cabeleira cun peite de ouro.

castro de Montealegre é un poboado castrexo situado nun outeiro á beira do mar na parroquia de Domaio, moi preto do estreito de Rande. É un castro de especial importancia, non só porque foi un dos primeiros escavados e publicados cientificamente en Galiza, senón tamén pola súa tipoloxía, pola súa situación xeográfica, polos seus petróglifos e, moi especialmente, pola conservación excepcional dalgún dos restos mobles atopados.

O poboado fortificado atopábase nun estado de conservación relativamente bo, pese ao abandono, ata o grave impacto da construción do Corredor do Morrazo, que atravesa o monte nun túnel pola súa base. Pese a todo, as estruturas defensivas (murallas, foxos, aterrazamentos) seguen a ser facilmente identificables en superficie, especialmente na zona norte. Ademais da construción da nova estrada, o sitio sufriu outras agresións en forma de desmontes de terreo, especialmente na zona sur. Neste momento xa está rematando a nova escavación e a posta en valor para  abrirse ao público.

O sitio arqueolóxico era coñecido dende principios do século XX, pois foi escavado por Antón Losada Diéguez entre outros e ofrece materiais moi interesantes.

No lugar aparecen varios gravados rupestres que foron declarados BIC no ano 1974 co nome Petróglifo Castro de Montealegre. Outra construción relevante, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como etnográfico, é o manancial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, situado na zona norte do castro.

Torre de Meira

Da colaboración da CMMC de Meira e o Concello de Moaña, e grazas á subvención da área de Patrimonio da Deputación Provincial de Pontevedra, a Torre de Meira xorde da súa ocultación para se amosar en todo o seu esplendor. Situada nun outeiro único, a Torre dispón dunhas vistas amplas sobre o val do río da Fraga ou dos Ladróns, da ría de Vigo e da contorna agraria, ocupando un lugar de gran valor estratéxico. Os traballos de escavación da torre medieval, destruída durante a primeira guerra irmandiña en 1476 permiten apreciar a súa estrutura, así como un patio de armas, parte da muralla e un torreón defensivo. As actuacións desenvolvidas por Árbore Arqueoloxía ata o momento, permitiron localizar 50 perpiaños que se empregaron para reconstruír parte da torre agora en ruínas empregando materiais orixinais. Ademais da zona do patio de armas recuperouse unha construción de gran tamaño que revela que a Torre de Meira era en realidade un castelo. Nesta fortificación datada no século XV, atopáronse diferentes restos de cerámica medieval, unha pequena cruz de bronce, o famoso pene de Meira que se interpreta como unha pedra de afiar, un pequeno puñal de orellas de orixe nazareno e ata unha moeda romana do século IV da nosa era entre outras moitas cousas. As intervencións levadas a cabo no espazo levan a pensar que aínda queda moito por descubrir. Este elemento está moi próximo ao castro das Cidades e á ruta do patrimonio arqueolóxico de Moaña.

https://arborearqueoloxia.com/

https://www.youtube.com/watch?v=HaHIHRoqaBE&t=154s enlace primeira campaña documental (recuperación da torre de homenaxe)

https://www.youtube.com/watch?v=5k-Yr2y3gg4 enlace segunda e terceira campaña documental (recuperación da gran estrutura do patio de armas)

Skip to content