Concello de Moaña
Concello de Moaña
Se Moaña fose unha fotografía aérea de Google Earth veríamos que o seu interior contén catro parroquias. Se comezamos a andalas pola nacente do sol encontramos primeiro a parroquia de Domaio, lugar lendario que participou na mítica batalla de Rande en 1702, onde se chantou en 1981 a ponte que comunica o norte e o sur da ría de Vigo. Esta é a terra de altos cumes coroados polo monte Faro cos seus 625 metros de panóptico sobre as Rías Baixas e nas proximidades encontramos o campo de golf. Esta parroquia de vocación agrícola e industrial dende primeira hora do século XX, coas súas carpinterías de ribeira que fotografou a antropóloga norteamericana Ruth Mathilda Anderson, iniciou a explotación do mexillónen viveiros flotantes e hoxe conta tamén cun peirao deportivo.
A evolución natural da construción naval e industrial de Moaña podémola ver, a continuación, na parroquia de Meira, nas vellas canteiras dende punta da Moa ata O Cocho, lugares de pequeñas praias na actualidade e ámbitos históricos de extracción dos bloques de granito cos que Vigo foi ocupando o mar a través de recheos industriais. Cando os lindes marítimos da flota pesqueira galega eran o caladoiros do Gran Sol, a 400 millas, e Terranova, a 1.000 millas, o barrio do Latón foi o epicentro da revolución e a nova cultura do peixe conxelado: en 1961, nunha experiencia pioneira e mítica, botáronse ao mar o Lemos e o Andrade, primeiros buques conxeladores da flota galega, exploradores de distancias inimaxinables como os mares austrais de Arxentina, a 6.000 millas, ou Sudáfrica, a 5.000 millas.
Era a apertura dunha nova colonización e explotación dun mar que foi a fonte cultural e económica máis importante para sacar adiante as familias moañesas durante todo o século XX. Rente aos estaleiros, o barrio da Guía tomou o seu nome dunha fábrica de conservas que empregou moita man de obra feminina, tomando o relevo, na mesma parroquia, das históricas fábricas de cordoería que transformaban o cánabo, como se pode ver no museo das carreiras, na illa de San Bartolomeu, o gran peirao pesqueiro e marisqueiro do concello. A través dunha pequena camiñata chegamos á Carballeira de Bronlle e algo máis arriba encontramos de novo a pegada medieval na Torre de Meira e a lembranza dos Irmandiños.
Atravesando os areeiros e as antigas xunqueiras e humedais onde hoxe están situados a agrupación escolar de Reibón-Seara, os campos de keniata, a praia urbana da Xunqueira, veremos o maior ámbito marisqueiro do concello, onde se cría o berberecho, a ameixa ou a navalla, preto do complexo deportivo formado polo pistas de atletismo e o pavillón de deportes, todo nun ámbito espacial que a memoria colectiva recorda como a banda sonora do réquiem polas rás que poboaron estes lugares deixando un eco tan persistente como o das campás das distintas igrexas do concello.
Seguindo o sendeiro do río da Fraga chegamos ao miradoiro, ao complexo deportivo e recreativo do Beque e ás terras altas da parroquia de Moaña. A evolución da parroquia central e do propio concello de Moaña ten que ver co son das campás da igrexa de San Martiño, un lugar presente como centro eclesiástico e social dende o século XII: ao adro de San Martiño, páxina cero do libro de familia moañés, ata mediados do século XX, subía a veciñanza para bautizar, recibir a primeira comuñón, casar e se enterrar. E tamén servía este primeiro berce con núcleo medieval para escoitar a música da festa e troulear, namorar, mocear e recomezar o ciclo da vida e a reprodución, tal e como acontecía nos campos que circundaban cada núcleo das nosas parroquias, cheos de plantacións de patacas, millo ou viñas, tres dos alimentos fundamentais na vida.
O resto da alimentación vital viña do mar. Moaña é indescifrable sen a pegada da mariñeiría que foi quen de ir buscar dende séculos a vida, e tamén a morte, no mar. A partir de comezos do século XX a Moaña litoral toma o relevo da parroquia agrícola e a nova urbe esténdese apegada ás estradas litorais onde habitan, sobre todo, as familias dos mariñeiros, dos patróns, dos armadores, das atadeiras, dos caseteiros, dos encascadores, dos construtores de naves, etc. A Moaña urbana é unha cidade asentada entre as estradas “de arriba” e “de abaixo”,nomeadas como Ramón Cabanillas, Daniel Castelao, José Costa Alonso e Concepción Arenal, un polígono que delimita unha cidade de salitre, primeiro con barcos, despois con bateas de mexillón, sempre comunicada a través do transporte marítimo con Vigo a través do peirao, contando tamén con dotacións de náutica deportiva e embarcacións tradicionais.
O litoral moañés atravesa as vellas propiedades nobiliarias ou fidalgas dos Saavedra, os Méndez Núñez, os García Arenal, González Pastoriza, Pujol ou Castroviejo, hoxe transformados en zonas urbanizadas, un fío de costa que percorremos ata a parroquia de Tirán, no camiño do solpor, onde podemos ver outra xoia da arte románica na igrexa de San Xoán e un lugar panorámico, miradoiro da ría de Vigo, co cemiterio mariño ao seu carón.