Historia

Como división administrativa, Moaña nace en 1874. Ata ese momento, o seu devir histórico confúndese co da súa comarca, a península do Morrazo, un espazo xeográfico onde o ser humano deixou pegada dende os tempos máis remotos. Así mesmo, Moaña foi testemuña e protagonista de dous acontecementos históricos de singular importancia: o combate naval sobre Rande en outubro de 1702, cando os ingleses saquearon Domaio, Meira e Tirán; e cen anos despois, en 1809, a poboación moañesa participou de forma activa na loita contra os franceses na chamada guerra da Independencia.

Os primeiros pobos en chegar a Galicia fixeron a súa entrada pola meseta. A prehistoria de Moaña remóntase ás culturas prerromanas, xa que se constata presenza humana dende hai uns 5.000 anos como queda reflectido no Dolmen da Chan da Arquiña. Unha prehistoria que se caracteriza pola confluencia de contextos culturais diferentes para unha mesma rexión e un mesmo período.

Os pobos que nos antecederon na prehistoria tiñan profundas crenzas. Construíron os seus monumentos funerarios en pequenas chairas no alto das montañas e neles enterraban as súas persoas mortas acompañadas de todo o necesario para unha mellor vida no máis aló; entre estes útiles, atopamos puntas de frecha e machados datadas cronoloxicamente en 3.000 a. de C. e cacharros de cerámica campaniforme de 1.800 a. de C.

Pese a este longo período de ocupación, a existencia no seu enxoval de obxectos pertencentes a diferentes momentos culturais, demostra que ademais de ser unha sociedade desigual, producíronse profundos cambios no hábitat e na economía da comarca na transición do 3.º ao 2.º milenio, cando cambian as pequenas chairas no alto da serra do Morrazo polas terras fértiles de ladeiras e vales. Ademais, aínda que se segue utilizando as mámoas, comezan a soterrar as persoas mortas de forma individual en cistas e a manifestar as súas crenzas a través da arte rupestre.

 

O achado de asentamentos deste período no Morrazo, entre eles os do Regueiriño e Fontenla (Domaio) supuxo un fito importante no estudo da prehistoria galega, xa que, por primeira vez, se localizaban poboados que permitían aproximarnos ao estilo de vida das persoas autoras dos petróglifos. Estas dedicábanse a unha agricultura primitiva de roza e queima de bosque, á gandaría e á recolección de froitos silvestres, vivían en poboados próximos ao mar e os seus habitáculos construíanos con materiais orgánicos, á vez que combinaban o uso de útiles de tradición neolítica con cerámicas tecnicamente desenvolvidas como a campaniforme e a denominada Penha, de influencia portuguesa.

Novamente, dentro deste contexto atopamos os primeiros achados metálicos da comarca, puñais e espadas de bronce que recoñecemos como modelos nos petróglifos e que funcionaban como obxectos de ostentación social. Non faltan, tampouco en Moaña, os castros, poboados que definen a cultura castrexa asociada á Idade de Ferro. O máis coñecido é o de Montealegre (Domaio), situado moi preto do mar.

Estes castros foron aproveitados posteriormente polo pobo romano, que proporcionou un novo deseño á súa estrutura arquitectónica, así como outro tipo de elementos do tipo de cerámicas e ánforas. Esta integración cultural fixo posible unha mestura de divindades romanas coas da poboación nativa, o que deu lugar a unha mitoloxía en forma de folclore, da que aínda hoxe se poden atopar manifestacións.

 

Así mesmo, pode considerarse a colonización romana como a verdadeira orixe da formación do concello, onde a dependencia do Morrazo con respecto ao Imperio romano queda plasmada nos numerosos restos atopados na zona. De todos os xeitos, as e os investigadores inciden na época de dominio do pobo suevo en Galicia e norte de Portugal, como comezo da difusión e crecemento das vilas que, unha vez convertidas ao catolicismo, van consolidando unha estrutura relixiosa que queda reflectida en parroquias, sedes episcopais e dioceses, que tanta importancia van ter na historia de Galicia.

Idade Media está marcada pola crise comercial europea do S.VII e o perigo creado a partir do S. X por incursións normandas, que despoboou a costa e fixo perder importancia a pesca, actividade económica complementaria dende a época romana. Isto provocou, á súa vez, un descenso demográfico e económico que se mantivo ata o século XII, cando o eficaz sistema defensivo organizado polo arcebispo Xelmírez garante a tranquilidade necesaria que posibilita a recuperación económica e a estabilidade política, algo que queda manifesto coa construción da igrexa de San Martiño e a de San Xoán de Tirán.

A comarca do Morrazo aparece xa no ano 570 formando parte, como unidade administrativa básica, do Reino galego-suevo e pertencerá á sede episcopal de Iria Flavia e Compostela durante toda a Idade Media.

A finais da Idade Media no Morrazo, ao igual que no resto de Galicia, prodúcense as revoltas irmandiñas, consideradas as máis importantes da Idade Media en Europa, e das que en Moaña quedou como testemuña a destrución do Castelo de Meira.

A comezos do século XVII prodúcese un positivo ciclo económico que se traduce nun aumento da poboación que vai asentándose progresivamente no litoral. O excedente económico vai posibilitar a construción de pazos e igrexas como o pazo do Rosal en 1640, a igrexa de Santa Eulalia de Meira a finais do século XVII e a reforma e ampliación en estilo barroco da igrexa románica de San Martiño.

 

Ese aumento de poboación rexistrado entre os séculos XVII e XIX tamén irá acompañado de cambios, o que trouxo consigo que, a comezos do século XIX, aparezan novas formas administrativas impulsadas polas Cortes de Cádiz que substitúen ás xurisdicións do réxime feudal. Con este cambio tomarán consistencia os municipios e realizaranse eleccións para elixir as autoridades locais.

A configuración territorial e administrativa actual do Concello de Moaña arrinca en 1813, pero o proceso queda abolido coa chegada do absolutismo de Fernando VII. Será o 30 de novembro de 1836 cando, publicada a nova planta de concellos en Pontevedra, establecese o novo Concello, con Meira como a súa primeira capital. Tras varios movementos de protesta, a capitalidade é trasladada a Moaña, configurándose en 1874 os límites territoriais que aínda rexen durante o S. XX.

Coa chegada do século XX, Moaña vaise asentando cada vez máis xunto ao mar, a súa principal fonte de ingresos, e prodúcese unha expansión das actividades económicas relacionadas con el. Este desenvolvemento económico do litoral, a construción do peirao e a mellora das comunicacións van determinar un cambio de tendencia urbana. É, á súa vez, un século marcado por múltiple acontecementos, entre eles: o sindicalismo da II República, época de maior dinamismo social, a posguerra, a emigración a América e Europa que provocou grandes transformacións socioeconómicas e un forte incremento da poboación; e a crise do petróleo do 73, que supuxo unha forte reconversión da economía da comarca.

Skip to content