Turismo de Moaña
Moaña é unha vila mariñeira situada ao oeste de Galicia e no centro oeste da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte.
Un concello que mira ao mar, bañado ao longo de 20 km de praias suaves pola ría de Vigo. Situada en sucesivas pendentes que forman montes e vales, Moaña esténdese baixo o monte Gagán, onde está situado O Faro de Domaio, o punto máis alto do Morrazo (624 m). É, polo tanto, un lugar xeograficamente accidentado, que permite en pequenas distancias gozar dunha diversificación paisaxística moi ampla. Con case 20.000 habitantes e unha extensión de algo máis de 35 km², Moaña ocupa a parte meridional da península do Morrazo, un conxunto enmarcado polas rías de Pontevedra e Vigo, que constitúe o seu referente histórico e natural.
Posúe ademais, un clima privilexiado de tipo oceánico, húmido e con lixeiras variacións de temperatura. Os invernos son moi suaves e os veráns secos e cálidos. A temperatura media anual rolda os 15º (invernos entre 8º – 12º e veráns entre 20º – 25º).