O Morrazo é un sitio onde o bo comer é case unha obriga. Especialmente recomendables son os pratos elaborados a partir dos produtos do mar típicos da ría de Vigo, na que se sitúa Moaña. Resulta inescusable pasar por Moaña e non probar os produtos como os camaróns, as nécoras, o polbo ou os mexillóns. No verán, ademais, están especialmente saborosas as luras de ría, os choquiños, os chinchos e as sardiñas que poderás encontrar tanto na praza de abastos coma nos establecementos da zona.
Pero non todo en Moaña é peixe ou marisco. As persoas máis afortunadas poderán degustar o tradicional pan de trigo ou de millo que aínda se elabora por esta zona e é un complemento ideal para acompañar calquera destes pratos. Espallados en catro parroquias moañesas, atopamos establecementos de restauración adaptados a todo tipo de visitantes, dende o encanto da taberna tradicional á sofisticación dos modernos restaurantes, dende as relaxantes vistas dos locais da zona alta á vital algarabía dos situados na beira do mar.
As festas gastronómicas son outro dos grandes atractivos de Moaña. A festa gastronómica por excelencia é a Festa do Mexillón que ten lugar o primeiro domingo de xullo, a cal lle sigue á Romaría da Carballeira de Bronlle e a Feira do Mel no mes de agosto.