Natureza

Moaña ofrécelles ás persoas que a visitan atractivos inesgotábeis, entre eles unha privilexiada paisaxe na que o mar, sempre protagonista, amósase con todo o seu esplendor.
Os nosos montes esconden fermosos espazos naturais de ecosistemas privilexiados e referencias míticas como a Poza da Moura, protagonista de vellas lendas e tamén espazos de gran valor ecolóxico, como o espléndido bosque de ribeira que debuxa no seu curso o río da Fraga. Unha paisaxe inzada dun abundante interese natural e ecolóxico que convida a perderse pola súa beleza.
Os altos cumes da Paralaia ou o Gagán ofrécennos unhas das panorámicas máis belas de Rías Baixas, xa que podemos divisar a ría case dun extremo ao outro, sobre todo desde o pico Monte Faro de Domaio, que con 624 m é o punto máis alto do Morrazo. Outros miradoiros que tamén ofrecen unhas incomparábeis vistas son o da Fraga e o Outeiro.

Río da Fraga

Miradoiros

O río da Fraga, tamén chamado dos Ladróns, é o que ten maior extensión do municipio, atravesa de norte a sur Moaña e conforma a fronteira natural entre as parroquias de Meira e Moaña.
As e os partidarios dun tempo libre alternativo ao tradicional de sol e praia teñen a posibilidade de practicar o deporte do sendeirismo. Poderemos gozar aquí dun dos mellores bosques caducifolios atlánticos que se conservan en toda a zona. Trátase dun ecosistema de gran riqueza e extraordinaria beleza, no que o carballo se erixe como unha especie arbórea dominante. Merece a pena aproveitar algún dos desvíos para achegarse ata a canle e gozar así da flora característica dun típico bosque de ribeira, dentro dunha contorna paradisíaca na que as augas fluviais baixan a gran velocidade desde a montaña.
Ao longo do seu percorrido, fóronse construíndo numerosos muíños de auga nos que, ademais de realizar os labores de moenda, se desenvolvía a vida social da veciñanza dos arredores.
Desde mediados do século XX, case todas estas construcións foron abandonadas polos seus propietarios e propietarias, e só algún dos preto de 30 muíños que houbo na ribeira do río resistiu o paso do tempo, mentres que a maior parte se foron desvanecendo lentamente ata a súa práctica desaparición.
O Concello de Moaña comezou a recuperación dos muíños do río e creou ao seu lado unha ruta de sendeirismo denominada A Ruta dos Muíños. (Crear un enlace coa info da Ruta).
Na parte alta de Moaña, seguindo o camiño da Fraga, atopamos o Miradoiro da Fraga, no que ademais de facer un pequeno descanso no camiño, poderemos admirar as fabulosas vistas da parte baixa do municipio e da cidade de Vigo.
A través do percorrido por esta zona agreste, pódese obter unha nova perspectiva dun concello no que non todo é mar e praia, e a persoa que o visite ten a oportunidade de descubrir unha paisaxe tan suxestiva como sorprendente.

O municipio de Moaña posúe varios miradoiros, desde os cales se poden observar as preciosas panorámicas desta vila mariñeira, destacan:

  • Miradoiro da Fraga (Meira).
  • Miradoiro do Monte Faro (Domaio).
  • Miradoiro da Paralaia (San Martiño).
  • Miradoiro de Outeiro de Aviador (Meira).

Sendeirismo

Co aumento da conciencia ecolóxica dos últimos anos, tamén aumentou a demanda de servizos relacionados coa natureza e as rutas de sendeirismo convertéronse nun xeito moi popular de coñecer a verdadeira Galicia fóra das cidades.
Ata hoxe en Moaña existen dúas rutas sinalizadas: o Roteiro Ecolóxico do Morrazo G.R. 59, que percorre os catro municipios da península do Morrazo e a Ruta do Río da Fraga.

RUTA ECOLÓXICA DO MORRAZO G.R. 59
Lonxitude: 84 km.
Punto de partida-chegada: Lago de Castiñeiras (Vilaboa).
Percorrido: Lago de Castiñeiras, Sobreira, A Fraga, Hermelo, Portela, Nerga, Cabo Home, Donón, Hío, Aldán, Bon, Cabo Udra, Bueu, Hermelo, Pastoriza, Marín e Lago de Castiñeiras.
Dificultade: media, con importantes desniveis en tramos de longas distancias, xa que a ruta pasa continuamente da montaña á praia.
Descrición: é unha ruta ecolóxica de 84 km que, cun trazado circular, percorre toda a península do Morrazo. Está considerada unha ruta de longo percorrido que adquiriu a homologación da Federación de Montañismo, co número G.R. 59; e ofrece magníficas vistas panorámicas, fervenzas, fermosos areais, restos de culturas prerrománicas, arte barroca e espazos naturais protexidos.
Pártese do Lago de Castiñeiras situado nos montes do Morrazo e delimitado polos picos de Faro Domaio, Cabo Home e Cotorredondo (de 530 a 624 m) desde onde se divisan unhas espléndidas vistas tanto da ría de Vigo como de Pontevedra que configuran a península do Morrazo.
Ao longo da ruta pódese gozar dun gran número de miradoiros, sobre todo nos primeiros quilómetros nos cales tamén atopamos o río da Fraga, con numerosas fervenzas e pozas ao longo da súa canle así como varios muíños restaurados.
Unha vez excedidos os areais de Liméns, Nerga e Barra, dunha calidade excelente para o baño, a ruta intérnase na Costa da Vela, a tan só 2,5 km das illas Cíes, desde onde se pode contemplar un dos solpores máis belos e unhas espléndidas panorámicas. Preto de Donón, o monte O Facho, que en tempos acolleu asentamentos castrexos galaico-romanos, é unha perfecta atalaia para admirar a abrupta beleza desta costa de acantilados rocosos. En Hío, hai que desviarse ata a igrexa románica de San Andrés en cuxo adro se atopa o cruceiro barroco máis famoso de Galicia, moi decorado e construído dun único bloque de pedra.
Seguindo a costa alcánzase Cabo Udra, un espazo natural protexido do mesmo xeito que a Costa da Vela. O ascenso pola ladeira do Monte Hermelo ofrece de novo unhas impresionantes panorámicas de Rías Baixas e xa nos últimos tramos temos a posibilidade de contemplar algún dos muíños restaurados que podemos atopar no curso do río Loira.
Para os amantes da natureza, Moaña ofrécelles ás persoas que a visiten a posibilidade de practicar o sendeirismo por unha das zonas de maior riqueza ecolóxica da comarca, onde se pode admirar un dos mellores bosques caducifolios atlánticos que se conservan. Un ecosistema de gran riqueza e extraordinaria beleza que descobre unha paisaxe tan suxestiva coma sorprendente, onde o carballo é a especie dominante.
Debido ás súas características, a Ruta do Río da Fraga – cun percorrido total de 6 km e unha dificultade media – resulta idónea para a práctica deste tipo de actividade; presenta unha orografía moi variada situada nunha orixinal contorna, onde conviven o antigo co moderno e dispón dunha tupida rede de camiños e carreiros que lle permiten ao camiñante descubrir espazos únicos, con amplas zonas de interese tanto ecolóxico como cultural e de gran riqueza paisaxística.

O percorrido arrinca na praia da Xunqueira, onde desemboca o río da Fraga e principal protagonista que lle dá nome a esta ruta. O carreiro discorre paralelo á marxe do río en todo o seu traxecto. A medida que ascendemos poderemos observar distintas especies forestais (identificadas con carteis) que lle proporcionan gran riqueza e extraordinaria beleza ao conxunto. Tamén poderemos facer un alto no camiño e visitar algún dos muíños restaurados que atopamos ao longo do seu curso, testemuñas e protagonistas do estilo de vida dos nosos antepasados.
A medio camiño no ascenso temos tres opcións: desviarnos da ruta e achegarnos ata o Complexo Hostaleiro-Deportivo O Beque, onde poderemos realizar distintas actividades recreativas ou ben descansar; afastarse un pouco do carreiro e subir ata o miradoiro da Fraga desde o que se divisa parte da vila, ademais dunhas fermosas vistas á ría de Vigo; ou optar por seguir o curso do río ata chegar ata as magníficas fervenzas que alcanzan o seu maior esplendor no inverno.