O obxectivo desta actividade é fomentar as prácticas responsables de coidado do medio mariño a través da práctica de deportes náuticos.

A iniciativa obtivo financiamento a través do GALP 7: Ría de Vigo-A Guarda e arrinca o día 1 de setembro

O Concello de Moaña ofertará durante os primeiros días de setembro a realización de actividades deportivas náuticas para todo o alumnado de primaria dos centros educativos do municipio dentro da iniciativa Da Aula ao Mar do proxecto Aulamar, financiado a través dos Grupos de Acción Local e Pesqueira, e que conta cun orzamento que supera os 65.000 euros.

Baixo a denominación “Da Aula ao Mar” a actividade realizarase unha sesión de catro horas distribuídas en dúas partes. A primeira delas levarase a cabo en terra, nas instalacións que a empresa Tierra y Mar multiaventura ten no porto de Moaña. O alumnado terá o seu primeiro contacto cunha embarcación de vela e recibirá as primeiras nocións de navegación e correntes mariñas. A segunda parte será totalmente práctica onde as crianzas poderán vivir a experiencia de patronear un barco e de remar a bordo dun kaiak. Acercaranse a unha batea para coñecer a importancia do ecosistema mariño na economía local e do coidado do medioambiente e dos fondos.

O programa, dirixido a todo alumnado que cursou calquera nivel de primaria durante o curso escolar 2019/2020 non centros educativos de Moaña e totalmente gratuíto, iniciarase o 1 de setembro e estará activo ata o 9 de setembro, véspera da data prevista para o inicio do curso escolar. O alumnado que desexe participar poderá elixir quenda de mañá de 10:00 a 14:00 horas, ou tarde de 16:00 a 20:00 horas.

O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o 8 de setembro e poderase formalizar dita inscrición nas instalacións da Casa da Mocidade (Rúa María Martín, s/n – Urb. O Rosal) de 11:00 a 13:30 ou de 16:30 a 19:30 horas.