Bando de Nadal
Moaña é terra de Nadal. Este ano 2020 resultou ser un ano diferente para todas e todos, un ano no que a saúde pasou a ser a cuestión de maior relevancia nas nosas vidas, no que demostramos como pobo solidario, que somos quen de saír adiante pensando en facelo sen deixar ninguén atrás.
Nos vindeiros días imos celebrar as Festas dunha maneira axeitada á situación sanitaria. Nesas pequenas celebracións daremos boa conta de xantares, bebidas e lambonadas, pois sempre fomos xente de bo comer e de boa compañía. Se aproveitamos para consumir produtos locais, estaremos a animar á economía máis próxima e axudando á viabilidade dos nosos sectores produtivos. Estaremos xerando riqueza de país.
Se ademais mercamos produtos etiquetados en galego, estamos a ser solidarios e solidarias con aquelas persoas que foron quen de xuntar calidade con autoestima, na defensa e promoción dese patrimonio que herdamos: a nosa lingua, a nosa fala.
Non hai que esquecer que nestas datas “encargamos” agasallos e comidas para as persoas máis queridas, para iso o comercio e a hostalería local e comarcal contan cunha ampla gama de produtos de calidade e coa mellor atención, capaces de satisfacer todos os gustos, ademais con eses “encargos” estaremos a garantir os postos de traballo no noso territorio, tan importante nestes momentos.
Neste Nadal, goza da festa pensando en protexer a túa saúde e a das persoas coas que convives, participa sen esquecer que as festas son un lugar de encontro, de celebración e ledicia, onde non pode faltar a amizade e a solidariedade coas persoas que máis problemas padecen.
Por último, queremos convidarvos a que participedes da programación municipal #MoañaaoVivo a través da páxina de Facebook do Concello de Moaña e desexarvos:
Bo Nadal e próspero Ano Novo!
Moaña, 17 de decembro de 2020.
A alcaldesa
Dna. Leticia Santos Paz