Coas cores do outono, chegan os Rechouchíos para setembro e outubro con actividades infantís de teatro, monicreques, narración oral e música en directo desde o venres 19 de setembro ata o venres 24 de outubro de 2025, ás 18 h, nos diferentes locais socioculturais do Concello.

Moitas destas actividades están asociadas á Biblioteca Pública Municipal e ás axencias de lectura de Domaio e de Tirán, xa que están financiadas co programa Ler conta moito. Os contacontos van ter intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia) cos que imos aprender a signar en galego varias palabriñas que forman parte do espectáculo.

Rematamos este ciclo de outono o 24 de outubro cunha actividade musical da man de María Faltri, Coa pandeireta na man, para conmemorar o Día das Bibliotecas; será na Axencia de Lectura de Domaio e as familias asistentes poderán traer pandeiretas, cunchas, axóuxeres ou calquera instrumento de percusión. Faremos desta xuntanza unha gran festa!