Escóitanse xa as badaladas repenicando en Moaña! E con elas, os Rechouchíos de novembro, decembro e Nadal con actividades infantís de teatro, narración oral, circo, malabares, moito humor e música en directo.

Co obxectivo de chegar a todos os públicos, os contacontos do 14 de novembro e do 26 de decembro terán intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia) cos que aprenderemos diferentes Signochíos!

Esta edición rematará o venres 2 de xaneiro no Espazo Nadal co Barullo de Nadal, un espectáculo cheo de instrumentos musicais da tradición galega! Ao ritmo de gaitas, pandeiros, pandeiretas, pitos, triángulos, ukeleles, axóuxeres, cunchas… faremos un auténtico barullo de Nadal para gozar e crear apego en familia.