Presentamos a tradución para o galego do libro de Fatema Mernissi, Soños no limiar.
O venres 21 de outubro, ás 20.00 h, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Moaña, presentamos a tradución para o galego do libro de Fatema Mernissi (1940-2015) titulado Soños no limiar, tradución feita por Rocío Viéitez Ferro e contaremos coa súa presenza.
Soños no limiar, editado por Edicións Laiovento, é un relato sobre a infancia e o feminismo no Marrocos dos anos corenta do século pasado. A autora ponse na pel dunha nena que, a través dunha ollada tenra, narra unha falsa autobiografía sobre a súa infancia nun harén. Entre historias cóntanos que é un harén ou onde están os límites da hudud, ou fronteira sagrada, para facernos pensar e sentir desde unha físgoa moi estreita un mundo moi amplo como é o árabe desa época. Un relato cheo de tenrura, nostalxia, espectáculos, bailes, comidas, sabores, sons, porque as palabras son o verdadeiro camiño á liberdade.
Soños no limiar forma parte da colección Candemaia, libros traducidos e escritos por mulleres para que con historias de nenas, mozas e adultas, fiemos un tecido máis humano e máis respectuoso. Tanto esta obra, como a anterior da colección, Mociñas de Louisa May Alcott, están traducidas por Rocío Viéitez Ferro, responsablel da colección.