No Concello de Moaña sabemos que o idioma galego é o noso principal sinal de identidade. Trátase do máis importante legado recibido polas nosas devanceiras e devanceiros e representa a maneira que temos de ver o mundo e de presentarnos ante el como moañesas e moañeses, como pobo galego, en pé de igualdade coas outras linguas e culturas.
Temos unha lingua cargada de historia. A historia do noso pobo mariñeiro e traballador que usou durante séculos o idioma galego. Tamén a historia culta das
nosas letras, nas que se levan escrito desde a Idade Media obras de relevancia para a literatura universal.
Ademais, temos unha lingua cargada de futuro, válida como calquera outra para a comunicación dixital, para os estudos científicos ou o que nos propoñamos facer con
ela. O galego está cargado de oportunidades propias e tamén conectado co universo da lusofonía e os seus centos de millóns de falantes.
Así e todo, un recente estudo sociolingü.stico promovido polo Concello en colaboración cos centros de ensino indica que a vitalidade que mantivo o idioma galego en Moaña ata as xeracións que agora son maiores non se está a transmitir ás xeracións máis novas. Estamos ante un grave proceso de substitución lingü.stica. En Moaña prodúcese un abandono drástico do idioma, de xeración en xeración, semellante ao que ocorre en toda a área metropolitana de Vigo e en boa parte de Galiza. Actualmente só un 7% do alumnado dos institutos usa máis o galego que o
castelán, cifra que baixa ata un 4% no alumnado dos centros de infantil e primaria. Fronte a iso aumenta, ata superar o 50%, a xente nova que manifesta usar só o castelán, mesmo diminuíndo a opción “máis castelán que galego” que era maioritaria hai uns anos.
Neste contexto chega por segundo ano a campaña Moaña: 21 días en galego na que están involucrados todos os centros de ensino moañeses. Na primeira edición en 2019
foron moitas as rapazas e rapaces que aceptaron o reto de manter o uso exclusivo da nosa lingua durante os días da campaña, superando as nosas expectativas e poñendo de manifesto as posibilidades de futuro para o idioma galego.
Un ano máis dirixímonos a todas as moañesas e moañeses que empregan habitualmente o castelán para propoñerlles o desafío de expresarse as 24 horas en galego durante os 21 días que dura a campaña, entre o 27 de xaneiro e o 16 de febreiro de 2020.
Cos 21 días en galego a veciñanza comprobará a súa capacidade para usar a nosa lingua, vivirá os problemas cos que se atopan as persoas galegofalantes e tamén sentirá a satisfacción de recuperar o noso xeito de falar, contribuíndo a manter a nosa lingua outras mil primaveras máis. É unha oportunidade para que a veciñanza se reencontre consigo mesma, desenvolva novas capacidades neurolingü.sticas e manteña o que a fai singular.